SOLIDARIEDADE E TOLERÍA: A NOSA COLABORACIÓN CON ACNUR
Dende 1950 ACNUR, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, traballa para asistir e protexer as persoas refuxiadas e desprazadas. Durante todo este tempo leva actuado en centenares de misións para proporcionarlles sanidade, educación, medios de vida e solucións duradeiras ás persoas desarraigadas. Este sensato labor tense considerado a miúdo unha cousa de tolos.
Durante os últimos anos, de feito, chegouse a un fito sen precedentes na historia do desprazamento e mais o refuxio. Millóns de persoas víronse obrigadas a fuxir dos seus lugares de orixe e a atravesar fronteiras incertas debido a conflitos, persecucións ou violacións dos dereitos humanos.
Á forza de mesturarse no noso día a día, o relato destes feitos tende a converterse, a ollos de quen os observa desde lonxe, nalgo normal. Pero cando o normal é ser indiferente, a única solución é estar tolo.
O Comité español de ACNUR tenta que os programas de axuda humanitaria sexan sustentables, canalizando a solidariedade de milleiros de persoas socias e colaboradoras. Son as tolas e tolos de ACNUR, persoas que loitan cada día para demostraren que o mundo pode ser un lugar mellor.
No IES Laxeiro sumámonos a “Loco Festival”, xunto con outros centros e docentes valentes para axudar a contrarrestar a actual situación de excepción das persoas desprazadas e refuxiadas cunha resposta solidaria de excepción. Para iso, marcámonos o obxectivo de sensibilizar ao noso estudantado sobre a situación das persoas refuxiadas e que estese mobilice para aprenderlles que axudar a quen o precisa é algo sensato. Se cadra así, algún día, optar pola solidariedade fronte á indiferenza sexa o normal e non unha cousa de tolos.
O NOSO PROXECTO
O Loco Festival é un proxecto de educación para a cidadanía que favorece o desenvolvemento dos valores ético-políticos necesarios para a convivencia democrática: equidade entre as persoas, compromiso social, diálogo, cooperación e conciencia da necesidade de protexer os dereitos humanos.
A base pedagóxica desta actividade é doble:
- Aprendizaxe-Servizo (APS) é un método educativo que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun único proxecto ben artellado no que os participantes aprenden mentres levan a cabo unha tarefa solidaria.
-Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) é un método no que o alumnado cobra protagonismo para adquirir coñecementos, habilidades e actitudes mediante proxectos que tratan de dar resposta a situacións da vida real.
Das 3 opcións que existían para levar a cabo o proxecto, nos escollemos a terceira: acoutar a iniciativa a unha recadación a pequena escola xunto con actividades grupais solidarias enmarcándoa no mes de xuño no que se conmemora o Día Mundial das Persoas Refuxiadas (20 de xuño). A actividade tivo lugar nos recreos dos días 1 a 4 de xuño.
Ademais, cada docente e grupo ideou co alumnado a súa propia modalidade de desenvolvemento do proxecto, e aínda que xa dende a 1ª avaliación decidiron como participar, non foi ata a 3ª avaliación que se levaron a cabo as 3 fases:
- Sensibilización (1-3 sesións): achegar o alumnado á situación das persoas refuxiadas e desprazadas, a vulneración de dereitos que sofren e o labor de ACNUR; espertar a súa empatía e sensibilizalos coa temática e motivalos para que acepten o reto que supón o Loco Festival.
- Acción-cooperación (4-5 sesións): busca capacitar os rapaces e rapazas en liderado cooperativo e acción social para amosarlles que o rumbo do mundo está nas súas mans, espertar o sentimiento de colaboración, de unirse a unha comunidade e aprender a distribuir tarefas, a autoorganizarse e traballar en equipo para a consecución dun fin común. Ademáis de elaborar o seu propio material para o proxecto, tiñan un kit de ferramentas dixitais facilitadas por ACNUR.
- Reflexión (1 sesión): sobre o proceso de aprendizaxe individual e colectivamente e valorar o impacto social do traballo en equipo, a acción colectiva e a cooperación.
Os grupos que participaron nesta convocatoria foron:
2º ESO B “ESCAPE ROOM”
3º ESO B “RECADACIÓN DE FONDOS” e PHOTOCALL
4º ESO A: VÍDEO CREACIÓN
4º ESO B : THE DOUGHNUT GAME “ ( pasalabra temático en inglés)
Toda a ESO participa na creación de marcapáxinas “Mozo/as inspiradore/as” complementando o traballo feito con ACNUR.
Podes ver o vídeo resumo do LOCO FESTIVAL do IES Laxeiro nesta ligazón: https://youtu.be/DWSFKoDxc00
Ana Gulías Troitiño (orientación)